Friday 17 de May de 2024

Medidas seca prolongada


Por mor da situación de SECA PROLONGADA na que se atopa o abastecemento de auga, e pensando nos beneficios que unha actuación preventiva pode supoñer a longo prazo para a veciñanza, dende o Concello de Bergondo decidimos aplicar unha serie de medidas para tentar afrontar a situación de seca que vimos sufrindo dende hai tempo e que, no caso de non ter choiva suficiente nos próximos meses, ameaza cunha situación complicada no subministro para as necesidades diarias da poboación.

Por tal motivo, con carácter inmediato adoptaremos, e solicitamos que se adopten, as medidas que se indican de seguido:

– Restrición do uso en fontes ornamentais e elementos similares.
– Eliminación do baldeo de rúas para a súa limpeza.
– Prohibición do enchido de piscinas.
– Redución dos regos públicos e privados.
– Redución do lavado de vehículos.
– Control de consumos en edificios e instalacións municipais
– Control das perdas da rede de abastecemento para detectalas e minimizalas.

Debemos concienciarnos sobre a necesidade de adoptar medidas de aforro no consumo de auga, evitando malgastala e minimizando os usos prescindibles. Por tal motivo, solicitamos a colaboración da veciñanza, das institucións públicas e privadas e das empresas con sede no concello para que adopten todas as medidas posibles para evitar o gasto innecesario de auga. Sirvan de exemplo as seguintes:

– Reducir o lavado de coches fóra dos establecementos autorizados.
– Reducir a rega de hortas e optimizar os recursos na rega e na gandería, revisando os elementos que poidan ter fugas de auga, e empregando o sistema de goteo.
– Revisar fugas en baños e cociñas.
– Usar racionalmente a auga no aseo persoal.
– Usar electrodomésticos a carga completa.
– Lavar froitas e verduras en recipientes.
– Instalar filtros atomizadores ou difusores nas billas da casa.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, explica que “regresaremos á normalidade se o réxime de choivas do comezo do outono e do inverno recuperan os niveis habituais para esas datas, pero tamén temos que ser quen de afrontar a prolongación deste estado excepcional de seca, de ser necesario. Para iso, precisamos da colaboración activa da veciñanza, de xeito que impulsemos un consumo responsable que axude a manter a reserva de auga o maior tempo posible no caso que cheguemos a unha situación de seca prolongada. Solicito a máxima colaboración de todos e todas”.